Empoderamento da Muller no Rural de Lugo

FADEMUR Galicia ven traballando dende hai anos a prol da mellora na participación social e política das mulleres, no apoio ao emprendemento  e na visibilización da súa contribución á consecución dunhas sociedades rurais máis igualitarias, dinámicas e vivas; fai deste proxecto unha necesidade para reverter as desigualdades estruturais e fomentar o empoderamento das mulleres rurais.

O recoñecemento do seu traballo, a xeración de oportunidades laborais e a mellora do acceso aos recursos e ás axudas públicas son pasos imprescindibles para garantir un rural máis igualitario, sostible e con futuro.

Un dos eixos fundamentais do programa é o servizo integral de información, orientación e asesoramento dirixido a mulleres emprendedoras, que este ano incorpora tamén formación en intelixencia artificial aplicada ao emprendemento. O obxectivo é mellorar a competitividade e a visibilidade dos proxectos impulsados por mulleres no rural, achegando ferramentas innovadoras e accesibles á súa realidade cotiá. Complementariamente, ofrécese asesoramento xurídico especializado en materias como emprego, prestacións, axudas ou violencia de xénero.

Outro dos piares do programa é a consolidación da rede Apoderadas, un espazo propio de encontro, intercambio e visibilización para as mulleres rurais da provincia, que o ano pasado reuniu a 350 mulleres en Monforte de Lemos e que este ano está previsto repetir, con máis particiantes, noutro punto da provincia.

Impulsamos unha rede de socialización dirixida especialmente ás mulleres de maior idade, con obradoiros de autoestima, xestión emocional, comunicación e estimulación cognitiva, co obxectivo de previr a soidade non desexada e reforzar o benestar e a autonomía das participantes no seu día a día.

O programa Empoderamento da Muller no Rural constitúese como unha resposta integral e adaptada á realidade dunha provincia como Lugo, onde o envellecemento, a dispersión territorial e a fenda dixital fan máis necesario ca nunca contar con iniciativas que poñan ás mulleres rurais no centro. FADEMUR Galicia, con dúas décadas de traballo no territorio, garante que esa resposta chegue onde máis falta fai.

En breve terás máis contido sobre este proxecto