Aliadas Sororas - Redes contra a violencia de xénero no rural
Renovamos un ano máis o noso compromiso na loita contra a violencia de xénero do rural, traballando no acompañamento, asesoramento e concienciación a través do noso programa ALIADAS SORORAS, No marco do Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia .
FADEMUR Galicia acumula dúas décadas de traballo ininterrompido no rural galego pola igualdade e contra a violencia de xénero, o que fai de nos nunha entidade de referencia con coñecemento profundo da realidade das mulleres que viven e traballan no medio rural.
ALIADAS SORORAS é necesario e imprescindible para garantir que as mulleres rurais galegas teñan acceso á información, á protección e ao acompañamento independentemente do lugar onde vivan.
Continuaremos cos encontros presenciais nas distintas comarcas do territorio, traballamos para achegar ás mulleres do rural os recursos e ferramentas dispoñibles na loita contra a violencia de xénero, contando coa participación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, os Centros de Información á Muller e a representación das administracións nos distintos niveis. O obxectivo é levar os recursos ao rural, mellorando o seu acceso e coñecemento e fortalecendo as redes de apoio entre as mulleres e as institucións do territorio.
Outro dos ámbitos de traballo desta convocatoria será o estudo sobre a implantación do sistema VioGén no rural galego. Analizaremos a presenza e o alcance deste sistema de protección ás vítimas nos concellos rurais, elaborando un mapa de recursos que reflicta o estado real da cobertura e atención no territorio. Este traballo permitiranos identificar carencias, orientar actuacións futuras e poñer á disposición das nosas asociacións unha guía práctica dos recursos dispoñibles na súa contorna.
Todo o traballo vai sempre acompañado dunha campaña de concienciación para contribuír a dous aspectos clave: a visibilización da violencia de xénero no rural e a protección e acompañamento permanente e individualizado das mulleres que a sofren.
Para iso contamos cun amplo programa de formación e sensibilización e, ademais, con persoal cualificado para facer o asesoramento e acompañamento das vítimas de violencia de xénero no rural.
O programa ALIADAS SORORAS constitúese como unha iniciativa sólida e continuada no tempo, baseada na experiencia e aprendizaxe acumuladas ao longo de dúas décadas de traballo. A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia leva 20 anos traballando pola igualdade e a erradicación da violencia de xénero, consolidando unha rede de apoio que se fortalece ano tras ano.