Actividades
15 outubro
Día Internacional das Mulleres Rurais
Nacións Unidas proclamou no ano 2007 o 15 de como o Día Internacional das Mulleres Rurais, co obxectivo de recoñecer a súa contribución fundamental das mulleres á seguridade alimentaria, ao desenvolvemento sostible e á loita contra a pobreza no mundo.
As mulleres rurais representan arredor dun terzo da poboación mundial e case a metade da forza laboral agrícola, a metade dos alimentos dos que dispón a poboación mundial son producidos por mulleres, mais seguen a enfrontarse a desigualdades no acceso á terra, aos recursos produtivos, á educación e á participación social.
En FADEMUR Galicia celebramos este día poñendo en valor a importancia das mulleres que, co seu esforzo e coñecemento, sosteñen o noso rural e manteñen vivo o territorio. Traballamos para que conten co recoñecemento, os dereitos e as oportunidades que lles corresponden, apostando por un rural xusto, igualitario e con futuro.
Dende 2015 cada ano poñemos o foco nun tema, para visualizar como as desigualdades de xénero e o territorio supoñen obstáculos e desvantaxes. As mulleres fronte á violencia de xénero, o acceso á cultura e a creación cultura no rural, as mulleres no deporte, o emprendemento en feminino no territorio rural, os recursos públicos… foron algunhas da temáticas que protagonizaron as nosas conmemoracións.
Cada ano o 15 de outubro, tamén recoñecemos o papel de mulleres, organizacións e institucións pola súa contribución co rural, ao desenvolvemento da agricultura e da gandería, polo seu aporte no ámbito da cultura, das artes, ou da creación, e tamén polo seu compromiso coas políticas de igualdade.
Son moitas as mulleres que mereceron o noso recoñecemento: Rosa Cobo, María Cedrón, Rosa Gómez Límia, Marisol Soneira, Marí Luz Gómez Fernández, Paz Filgueira, Rocío Osorio, Verónica Boquete, Luz Casal ou Guadi Galego. Tamén grupos como Leilía e A banda da Loba, ou institucións como o Festiletras.
Cada ano contamos coa participación das mulleres das nosas asociacións, nunha xuntanza que xa é tradición. O 15 de outubro non é só unha data simbólica, senón unha chamada á acción para continuar loitando pola igualdade efectiva das mulleres no rural galego.
Xornadas sectoriais e temáticas
En FADEMUR Galicia organizamos xornadas sectoriais e temáticas como espazos de encontro, formación e debate arredor dos principais retos que enfrontamos as mulleres no rural. Estas actividades permiten poñer en común experiencias, transferir coñecemento e ofrecer solucións prácticas adaptadas á realidade das mulleres e familias rurais.
As xornadas abordan cuestións clave como a igualdade de xénero, o emprendemento, a innovación no sector agrogandeiro, a dixitalización, a sostibilidade ambiental ou a loita contra a violencia de xénero. Ademais, contan coa participación de profesionais, entidades públicas e privadas, así como mulleres emprendedoras que comparten a súa experiencia e boas prácticas.
O noso obxectivo é que cada xornada sexa unha ferramenta útil para impulsar a formación, fortalecer redes de apoio e fomentar o desenvolvemento socioeconómico do rural galego.
Poñendo o foco nas necesidades do rural e das mulleres
En FADEMUR Galicia traballamos para dar resposta ás necesidades reais do rural e das mulleres que o habitan. O noso compromiso é visibilizar as súas demandas, impulsar políticas que garantan a igualdade de oportunidades e crear espazos onde poidan desenvolver todo o seu potencial.
En datas como o 8 de marzo lembramos que a loita pola igualdade tamén se libra no rural, onde as mulleres afrontan retos específicos ligados ao acceso ao emprego, á conciliación, á participación social e á sustentabilidade das súas comunidades.
Desde FADEMUR Galicia poñemos o foco en apoiar ás mulleres rurais, acompañándoas con programas de formación, emprendemento, asesoramento e acción social, para construír un rural máis xusto, igualitario e con futuro.