Santiago, 15 de abril de 2026- A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR Galicia), ven de anunciar que xa teñen aberta a súa preinscrición no marco do programa DICECO 2026, consolidándose este ano como unha oportunidade de cualificación profesional e acceso ao emprego no ámbito dos coidados. A principal novidade desta edición é que a oferta formativa pasa a estar orientada á acreditación oficial de competencias profesionais recoñecida por Igualdade en Galicia, reforzando así o seu valor para mellorar a empregabilidade, especialmente entre as mulleres do rural.
Esta liña formativa enmárcase no desenvolvemento de iniciativas vinculadas ao coidado de menores e á conciliación das familias, no contexto do Plan Corresponsables, impulsado para garantir o coidado como un dereito desde a óptica da igualdade entre mulleres e homes. Está aliñada coa cualificación profesional de «Atención a persoas non dependentes con necesidades de coidados na súa contorna cotiá», recollida no Real Decreto 919/2024.
O itinerario formativo estrutúrase en tres módulos principais. O primeiro céntrase na atención ás necesidades básicas de menores, incluíndo aspectos como alimentación saudable, hixiene persoal, vestido, promoción da autonomía, acompañamento nas tarefas escolares e educación en valores e igualdade. Este módulo suma 150 horas de formación. O segundo módulo aborda a animación no tempo libre e a educación non formal, con contidos relacionados coa pedagoxía do xogo, a creatividade e a expresión, a educación ambiental, as actividades no medio natural e a prevención de riscos en actividades infantís e xuvenís. A súa duración é de 120 horas.
O terceiro módulo está dedicado aos primeiros auxilios e á actuación en situacións de emerxencia. Inclúe formación en valoración inicial da persoa accidentada, manobras básicas de soporte vital, atención inicial en emerxencias sen parada cardiorrespiratoria e apoio psicolóxico ás vítimas e ás súas familias. Este bloque conta con 60 horas de duración. DICECO 2026 preséntase así non só como unha proposta formativa, senón como unha ferramenta real para avanzar na profesionalización dos coidados, favorecer a acreditación oficial de competencias e abrir novas oportunidades laborais nun sector con crecente demanda social.
Podes facer a túa preinscripción no seguinte formulario: https://forms.gle/7zLb6NHGDuY4J99x5



