A reivindicación de Fademur-Galicia para que os letrados condenados por violencia machista sexan apartados da quenda de oficio especializada chega ao Parlamento

O pleno da Cámara galega aborda unha iniciativa que a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais xa levou á Valeduría do Pobo e á Dirección Xeral de Xustiza

 

Santiago, 23 de xuño de 2021- A iniciativa da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia para que os letrados condenados por violencia machista non poidan exercer a defensa dunha muller vítima desta lacra a través da quenda de oficio chegou este mércores ao Parlamento. Fademur-Galicia celebra a sensibilidade do grupo parlamentario do PSdeG-PSOE; grazas a cuxa iniciativa a reivindicación; que previamente Fademur-Galicia xa levara ante a Valeduría do Pobo e a Dirección Xeral de Xustiza; puido ser abordada no pleno da Cámara galega.

Fademur-Galicia considera totalmente inaceptable que un avogado “xulgado e condenado por actos de violencia machista poida protexer, asesorar, acompañar e defender a mulleres vítimas desta lacra”. Por iso, tras ter detectado na quenda de oficio a existencia de letrados que se corresponden con este perfil, a federación ten iniciado unha rolda de contactos para demandar as reformas normativas precisas para poñer fin a esta anomalía.

A reivindicación de Fademur-Galicia chega ao Parlamento apenas unha semana despois de que a federación se reunise co director xeral de Xustiza para abordar este asunto. E a un mes dende que a Valedora do Pobo fixese súa a reivindicación das mulleres rurais galegas remitindo ao Defensor do Pobo a petición presentada por Fademur.

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia insta á Xunta de Galicia a actuar coa sensibilidade e a responsabilidade precisas para solventar canto antes unha situación que atenta contra o dereito das mulleres vítimas de violencia machista a recibir unha  defensa axeitada. E reivindica vontade política para acometer canto antes a posta en marcha das medidas precisas para que os avogados condenados por violencia de xénero sexan excluídos da quenda de oficio especializada neste tipo de delitos. Nese senso, Fademur lamenta as desacertadas declaracións realizadas este mércores no pleno do Parlamento pola conselleira de Emprego e Igualdade; e asevera que o actual marco normativo non pecha a porta á posibilidade de que un letrado condenado por violencia machista asuma a defensa dunha muller vítima dun delito deste tipo. Unha situación anómala e intolerable que debe modificarse coa máxima premura.

Igual que se fai no caso dos profesionais que traballan con menores; Fademur-Galicia solicita que se recolla como un requisito específico para aquelas persoas que queiran anotarse na quenda de oficio especializada en violencia de xénero a presentación dun certificado de penais actualizado que acredite que ese avogado non ten sido condenado por sentencia firme en relación con un delito deste tipo. Ademais, a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais considera necesario que a ausencia de antecedentes deba acreditarse cada certo tempo. E demanda ademais que se estableza a obriga de que os letrados que puideran ser condenados por violencia machista no período de tempo intermedio entre a organización das distintas quendas deban informar ao Colexio de Avogados.

Por outra banda, a Federación tamén solicita que nos casos de violencia machista sexa un mesmo letrado ou letrada quen se encargue de todos os procedementos que puideran derivarse da causa inicial. Unha medida que busca evitar a revictimización das mulleres que padecen estas violencias e aumentar o seu marco de protección e seguridade.

Fademur-Galicia está integrada por 64 asociacións de mulleres rurais das catro provincias galegas. Entre as distintas actividades que realiza figuran as de formación e prevención, así como a atención e acompañamento de mulleres vítimas de violencias machistas.

Publicacións creadas 123

Artigos relacionados

Comece a escribir o seu termo de procura arriba e presione enter para buscar. Presione ESC para cancelar.

Volver ao inicio